25 de decembro de 2011

A fronteira do 4.000


Chegar aos 4.000 socios. Ese é o ambicioso reto que se expón o Club Deportivo Lugo para o ano 2012. E así o expuxo onte en rolda de prensa no centro comercial Carrefour o presidente do club branquivermello, José Bouso, na presentación da chamada campaña de socios para a segunda volta.

Bouso recoñeceu que o Lugo superou recentemente, e por primeira vez na súa historia, os 3.300 socios. Incluso, asegurou que o club está preto de alcanzar os 3.400. O obxectivo dos 4.000 aínda queda lonxe, pero no seo da sociedade branquivermella confíase en que o bo facer do equipo de Quique Setién faga crecer o número de socios.

A campaña que se abriu onte non se pechará ata final de tempada, aínda que a maior demanda espérase que se produza nestes últimos días do ano 2011 e durante o mes de xaneiro, no que o Lugo xogará tres partidos seguidos no Ángel Carro, o domingo 8 ante o Toledo, na última xornada da primeira volta, o 12 ou o 13 ante o Rácing de Santander B na ida dos oitavos de final da fase nacional da Copa Federación e o domingo 15 ante o Celta B no primeiro partido da segunda volta da liga. Os branquivermellos terminarán a costa de xaneiro con tres partidos a domicilio. O 19 ou o 20 de xaneiro visitarán ao Rácing B no partido de volta da Copa Federación e o 22 e o 29 visitarán consecutivamente á Roda e Atlético B.

Os afeccionados que desexen darse de alta poderán facelo hoxe ata as 20.00 horas no posto aberto polo Lugo en Carrefour e a partir do luns 26 nas oficinas do Ángel Carro, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.30. O horario rexerá durante toda a semana, venres 30 incluído.

O prezo dos carnés que se ofrecen agora sofre unha rebaixa próxima ao 40%, dado que só pódense utilizar para o que queda de tempada. Así as cousas, os novos prezos son de 180 euros para os socios representativos, preferencia e tribuna numerada (99) e con cónxuxe (117), fondo norte (60 e 72), xeral (48 e 60), xuvenís de 4 a 18 anos en xeral e fondo norte (12) e en tribuna e preferencia (24). Os socios con fillos menores de 18 anos aos que queiran reservar asento en tribuna ou preferencia (10). A maiores de 65 anos, xubilados, universitarios, desempregados e discapacitados aplicaráselles un desconto do 50% en todos os casos.

Merchandising

O responsable de mercadotecnia do Lugo, Daniel Fernández, anunciou pola súa banda que ata as 20.00 horas de hoxe estará aberto un posto de venda de artigos relacionados co Lugo fronte á caixa central do hipermercado. No posto véndense camisetas branquivermellas e negras a 27 euros cada unha, banderines (7,5), pins (2), sudaderas con capucha (23), chaquetas Soft Shell home (35), polos e camisetas de vestir (18, 15 e 12), gorras vermellas (10), gorras bicolor (15), bufandas (10), coxíns (12) e paraugas (12), ente outros produtos.

Fonte: El progreso



Ningún comentario:

Publicar un comentario