9 de setembro de 2012

O CD LUGO PERDOA AO SPORTING 1-1


Foto: ADG

O CD Lugo arrincou un 1-1 no campo do Spórting de Xixón, nun partido no que os lucenses tiveron numerosas ocasións para levar unha clara vitoria.
Aínda así, foi o Spórting o que deu primeiro, cun gol no minuto 35, obra de David Rodríguez. O tanto do excéltico (encaixado por outro exjugador do Celta, Yoel) chegou case a continuación de que Fran Sol fallase unha clara oportunidade ante o porteiro local, un Juan Pablo que este domingo tivo varias intervencións providenciales.
Pero aos asturianos duroulles pouco a alegría, porque no minuto 42 Óscar Díaz devolvía a igualdade ao marcador, no lanzamento dunha falta. Na foto, a celebración:
Os dous branquivermellos citados (hoxe de negro) tiveron nas súas botas algunhas das mellores ocasións do partido. é máis, Fran Sol chegou a marcar un gol, anulado por falta, pouco antes da súa clarísima ocasión da primeira parte. Sol tivo outra grandísima ocasión na segunda metade, do mesmo xeito que Óscar Díaz.
O perigo visitante foi tal que o público do Molinón asubiou e apupou en varias ocasións ao seu equipo, un Spórting de Xixón recentemente descendido que se esperaba que figurase entre os fanfurriñeiros da Segunda División pero que en catro xornadas só sumou dous puntos, contando o deste domingo.
Mentres, o CD Lugo segue sen coñecer a derrota, e o seu porteiro, Yoel, figura entre os menos goleados da categoría. Este domingo tivo varias ocasións de mérito, sobre todo cando os xixoneses esmagaron ao final.
Agora, o Lugo recibirá en casa a outro recentemente descendido de Primeira, o Rácing de Santander, pero na Copa, e a un veterano de Segunda, o Huesca. Os cántabros visitarán o Ángel Carro o mércores; os aragoneses, o sábado. Os dous próximos visitantes do Lugo empataron este domingo entre si: 1-1.
09/09/2012 - El Progreso Digital (Lugo)

Ningún comentario:

Publicar un comentario