
O sucedido hoxe é inadmisible para un equipo que pretende formar parte do fútbol profesional. Vaia por diante que este colectivo rexeita frontalmente a mercatinlización á que se ten sometido o balompé na actualidade. Fora desta impresión, o Lugo da un gran paso atrás coa malversación premeditada dos boletos que foron enviados polo conxunto coruñés. En termos de cifras: hoxe saían á venda unhas 800 entradas. Destas 400 levaban o prezo assignado de 20 euros, namentres que o resto custarían 30 euros. Das contas previstas só queda agora a intención.
Unha mañá de sorpesas
Diante da alta demanda, non foron poucos os que se ergueron ben cedo para dirixirse ás oficinas do Anxo Carro. Entre eles, algúns de nós, quen sobre as 6:00 A.M formamos parte dos primeiros postos da cola de espera. A sorpresa veu cando chegou o momento de retiralas susoditas entradas. Malia que só tiñan exercido o seu dereito de compra menos dunha decena de socios, membros da entidade albivermella comunicaron ós alí congregados que tan só quedaban seis ó prezo de 20 euros.
Fora de toda lóxica, o paquete enviado pola escadra herculina quedaría reducida a uns centos de entradas. Cedo comezou a facer efecto a rumoroloxía. Logo de varios minutos descóbrese, que polo menos 40 desas entradas foran reservadas por outra peña luguesa, dereito de reserva tamén exercido por un coñecido persoeiro mediático local. Isto quebrou toda a legalidade do proceso, deixando ben claro que o clube favorecera os intereses duns grupos, que, en moitos casos, nin sequera están conformados por socios.
A pinga que fixo botar por fora o vaso
Isto tennos que levar a unha fonda reflexión. Non debemos esquecer que este é o punto e seguido a un asunto que comezou revirado. Basta botar a vista uns días atrás para ver como o equipo rexeitou unha proposta chegada dende A Coruña na que ofrecía nun intercambio de 1800 entradas polo prezo de 18 €. Foi aí cando entrou en escena esa perversa figura que constitúe o xestor anónimo da bancada do fondo sur, unha zona do campo que se está a converter nunha mostra de clientelismo nunca antes vista.
Este é o último capítulo dunha serie de actuacións que levaron ó equipo a tomar decisións a contracorrente. Non esquezamos que mudaron o escudo histórico sen consultarlle ós socios. Os mesmos que se atoparon esta tempada suba por decreto dos carnets e coa desaparición dos descontos para nenos, estudantes, desempregados e xubilados.
Todo quedou esquecido grazas ó excelente rendemento deportivo do equipo, pero o vaso foise enchendo e hoxe botou por fora. Ó final, o que mal comezou, mal vai rematar. E disto nada teñen culpa os siareiros, que ven con estupefacción como o CD Lugo S.A.D lle da as costas.
Diante desta situación, Siareiros Lugo, e de seguro que toda a afección luguesa, esixe unha explicación sobre o acontecido. Demanda así mesmo unha rectificación na política de entradas da entidade, libre de intercambios mafiosos que non fai máis que proxectar una negativa imaxe dun clube humilde, construído dende a base e que acadou uns éxitos deportivos que se escurecen con feitos coma os acontecidos. Pola nosa parte, quédanos agardar e declarar que, de non mudar esta situación, tomaranse as medidas oportunas para facer fronte a este conflito.
Non ó futbol negocio. Por un CD Lugo da afección.
Siareiros Lugo