PREZOS XUSTOS PARA O LEITE,LUGO COS GANDEIROS
Seguimos insistindo neste tema tan serio para o país, entendendo que o grupo, alén da súa principal función, que é a animación ao CD Lugo, tamén debe ser unha ferramenta de visibilización dos problemas sociais das clases populares galegas (e do resto do mundo, das cales formamos parte) e de intervención neles.
Chegou á cidade a reivindicación dos traballadores e traballadores dun dos sectores económicos estratéxicos da provincia e da Galiza, que é o sector gandeiro, o cal leva moito tempo sumido nunha crise estrutural provocada polos abusos das empresas pagando prezos moi por debaixo dos custos de produción e volvendo aplicar cotas lácteas semellantes ás que aplicaba a UE, que tanto costara eliminar no seu día.
Cotas e prezos que levan o sector gandeiro á ruína (En 1987 había por volta de 100.000 exploracións gandeiras na Galiza, fronte as 10.000 que hai agora, síntoma claro do detrimento ao que foi sometido o sector debido, en parte, aos motivos citados antes)
Como non podía ser doutro xeito, Siareiros Lugo quixémonos implicar tamén nesta loita, tanto por solidariedade cos gandeiros como pola repercusión que ten na nosa provincia e no país.
Para iso, sempre dentro das nosas posibilidades e limitacións, comezamos o traballo de visibilización e intervención no conflito, comezando a través das redes sociais partillando unha imaxe no facebook manifestando o noso apoio, imaxe que segundo as estatísticas chegou a unhas 15.000 persoas.
Despois elaboramos e mostramos unha faixa que manifestaba "SECTOR GANDEIRO SOLUCIÓN XA” durante o encontro CD Lugo – UE Llagostera, que ficou pendurada no estadio.
Onte comezamos tamén o traballo de intervención, amosando directamente a nosa solidariedade cos gandeiros pendurando dúas faixas na Muralla que rezaban “PREZOS XUSTOS PARA PARA O LEITE” e “LUGO COS GANDEIROS” durante a asembleia da tractorada que tivo lugar onte á noite, que desenvocou nunha ovación por parte da xente alí congregada, a cal agradecemos de corazón.
Tamén dende o grupo mobilizámonos levando por volta de 50 sinaturas de membros de Siareiros á recollida das mesmas que levaron a cabo onte os organizadores da tractorada, recollida á que contamos con levar máis sinaturas nestes días.
Por último queremos anunciar a nosa intención de voltar a facer patente o noso apoio este domingo, en caso de non se cumpriren as reivindicacións dos gandeiros que están na cidade estes días.
POLO FUTURO DO SECTOR GANDEIRO. POLO FUTURO DE LUGO. POLO FUTURO DA GALIZA.
-Siareiros Lugo 1953-
-Siareiros Lugo 1953-
Ningún comentario:
Publicar un comentario