
O CD Lugo encadea dous partidos sen encaixar goles, e ademais a domicilio, nos campos do Albacete (0-0) e Xetafe B (0-1). O meta branquivermello Diego Rivas é o segundo menos batido do Grupo I, un Diego Rivas que o pasado domingo volveu ter unha actuación moi importante.
A vitoria do pasado domingo ten un dobre sabor, polo complicado do rival e do campo. «Estou contento cos tres puntos porque foi un partido moi complicado, como reflexa o resultado, que se decidiu nunha xogada a balón parado. A verdade que eles nos puxeron as cousas moi difíciles, é un terreo de xogo moi complicado e un rival moi dinámico», comenta.
O do domingo foi deses partidos nos que os porteiros sofren moito, como nunha acción na que o balón lle botou xusto diante nun saque de falta que desviou con moitos apuros, como recorda Diego Rivas. «A superficie de céspede artificial fai que o balón bote como lle apeteza, nunca vai rasa e o bote é moi irregular. Nesa acción decidín facer o máis sinxelo posible e decidín non collela, porque creo que era mellor facer un bo desvío e non complicarme», indicou.
Os dianteiros aumentan a súa confianza cos goles e os porteiros se non os encaixan. Aínda que tardou un pouco en encadear dúas xornadas sen encaixar, o Lugo é o equipo menos batido do Grupo I xunto ao Tenerife, e Sergio Aragoneses e Diego Rivas os porteiros menos batidos. «Iso son estatísticas, datos que están aí, pero tampouco me paro a miralos moito. É o reflexo do traballo que facemos todas as semanas e durante o partido, e o do domingo foi un claro exemplo; cando o equipo igual non ten o seu mellor día co balón nos pés, porque o terreo dificulta ter a posesión e facer as xogadas; xúntase, sabe sufrir e aguanta o resultado. Creo que é un valor do grupo», indicou, á vez que recordou un despexe de Pita que se estrelou nun pau da meta de Diego Rivas. «É ese chisco de xeito que fai falta para ter esta dinámica positiva», asegura.
O Lugo recibirá mañá no Ángel Carro (20.30) ao Coruxo, un equipo que a tempada pasada deu bastante a guerra aos branquivermellos, empatando (1-1) en Coruxo e (0-0) en Lugo. «Competín contra o Coruxo en Terceira e en Segunda B e a verdade que é un equipo moi correúdo que sabe moi ben ao que xoga. O seu adestrador é un perfeccionista da táctica de grupo e creo que van vir claramente a non encaixar e a defender todos xuntos no seu campo. Non podemos perder balóns comprometidos porque van saír rápido á contra; hai que ter paciencia, non perder o balón e esperar a que aparezan os ocos», indica o meta.
A vitoria do domingo sabe moi ben no seo do Lugo, pero o Real Madrid B Castela aperta na táboa. O cadro de Setién afronta agora dous derbis ante Coruxo (mércores) e Montañeiros (domingo) que poden reforzar a confianza do equipo se gana. «Aquí ninguén regala nada, hai que apertar o pistón ata que isto acabe. O Oviedo parecía defenestrado hai un mes e está a un punto do play off e xa vemos que aquí ninguén vai regalar nada. Agora tócannos dous partidos en casa, que é onde nos temos que facer fortes, e aproveitar estes dous derbis, que son partidos bonitos», sinala.
O que deu o Lugo foi a sensación de superar o virus que o impediu medirse co Coruxo o domingo día 30 de outubro, e Diego Rivas, en particular, a crise asmática de dúas semanas antes. «Si, a verdade é que quedaba a incógnita de como podiamos competir despois dunha semana así, pero o equipo deu o do de peito e fíxoo como sempre», conclúe-.
Belfortti, única ausencia no adestramento
- Os branquivermellos renovaron onte pola mañá os adestramentos no campo da Cheda. Exercitáronse todos excepto Belfortti, aínda que os titulares fixérono a primeira parte de recuperación e hoxe non haberá descanso, como de costume, e adestrarán pola tarde.
- A federación ratificou onte o acordo ao que chegaran Lugo e Coruxo a semana pasada para xogar mañá mércores (20.30 horas, Ángel Carro) o partido suspendido o domingo día 30 e que será dirixido polo asturiano Pablo González Fortes.
101
- O CD Lugo pasou dos cen adestramentos, concretamente o de onte foi o 101 da presente tempada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario