
Nin virus nin céspede artificial nin inusual horario de sobremesa: o Lugo de Setién pode con todo. E este domingo demostrouno cunha vitoria pola mínima (0-1) no feudo do Xetafe B. Un tanto de Belencoso, ao rematar maxistralmente unha falta no minuto 22 da segunda parte, permite ao cadro branquivermello manterse unha semana máis como líder invicto do grupo primeiro da Segunda B do fútbol español.
E non foi fácil. Setién non as tiña todas consigo despois do parón dunha semana, provocado pola gastroenterite que obrigou a aprazar o partido da semana pasada contra o Coruxo. Tampouco se fiaban os branquivermellos do céspede de herba artificial da cidade deportiva do Xetafe, e moito menos de fiar era o rival, ata este domingo moi seguro no seu feudo.
Pero o Lugo plantou cara a todo. Incluso se apropiou do partido durante boa parte da primeira metade, creando claras ocasións para marcar. O panorama cambiou a medida que se aproximaba o descanso, pois os locais empezaron a presionar e incluso tiveron algunha clarísima ocasión que abortou Diego Rivas, o segurísimo porteiro branquivermello. A segunda metade discorreu polos mesmos camiños, cun Xetafe B acosador, pero cunha defensa lucense impecable e que afastaba con claridade o perigo. O gol, froito dunha falta, castigou a un improdutivo Xetafe e demostrou a contundencia do líder.
06/11/2011 - El Progreso Digital (Lugo)
Ningún comentario:
Publicar un comentario