
O defensa arxentino José Belfortti foi unha das catro ausencias do Lugo o pasado domingo na Roda e tampouco estará listo para xogar o vindeiro domingo (12.00 horas) no Cerro do Espino de Majadahonda fronte ao Atlético B. «O pasado luns fixéronme unha resonancia e en principio parece que o menisco está ben, aínda que teño un pouco de liquido e unha distensión no ligamento. Parece que estarei de baixa entre dúas e tres semanas, aínda que haberá que esperar uns días máis para ver como evoluciona a lesión», comenta o central.
No entanto, Belfortti sente que mellorou desde o momento da lesión, no partido do mércores da semana pasada ante o Rácing B. «Home, estou mellor que o pasado xoves, cando non podía nin andar», recoñeceu onte o futbolista do Lugo.
Deixar de xogar a estas alturas non gusta a ninguén, entre outras cousas porque coa tempada tan avanzada o futbolista pode perder o posto no once. «Nin a estas alturas nin a ningunha. Parar por unha lesión non gusta a ningún futbolista, pero non queda outra. Agora o que hai que facer é recuperarse o máis rápido posible», di o defensa.
O certo é que as lesións empezan a pasar factura a un Lugo moi xusto de efectivos e no que algún futbolista tivo que xogar sen estar plenamente a lume de biqueira, como recoñece Belfortti. «Si, estamos bastante xustos. Fran, por exemplo, tivo que xogar o pasado domingo sen ter o nocello do todo recuperado, o mesmo que Luismi, que xogou algo minguado tamén», di o arxentino.
A todo isto hai que engadir que Iván xa estaba lesionado, Javi Rei magoouse na Copa e Sergio Iglesias tamén estará de baixa algunha semana máis. «Somos moitos os que nos lesionamos á vez, pero aínda estamos segundos e a tempo de recuperarnos todos para pelexar por estar entre os catro primeiros ou incluso polo primeiro posto. A medida que se vaia recuperando a xente o míster terá máis opcións e cantos máis sexamos máis vai repercutir no ben do equipo», comenta.
Inmersos os equipos na segunda volta ligueira, todos van xa a lume de biqueira. «A segunda volta sempre é máis difícil que a primeira, uns pelexan por estar arriba e outros por saír de abaixo. O Castela empatou como local a pesar de adiantarse pronto ante un equipo ao que pensaba gañar con facilidade e o Tenerife perdeu no seu campo inesperadamente. Está claro que aquí ninguén regala nada e nós ímosllo pór difícil aos demais», advirte o arxentino.
Belfortti espera un partido complicado ante o Atlético B, do que garda un bo recordo do partido da primeira volta. «Antes de marcar nós puidéronnos facer un par de goles. Ten xogadores novos, rápidos e con imaxinación, e xogar cun equipo de arriba seguro que lles motiva. Oxalá poidamos traer un bo resultado», finaliza.
DOBRE SESIÓN PARA HOXE Setién espera recuperar a algún dos lesionados |
Quique Setién, adestrador do Lugo, espera recuperar a algún dos lesionados de cara ao partido do domingo ante o Atlético B. O equipo branquivermello volve hoxe aos adestramentos en dobre sesión coa seguridade de que non poderá contar en Majadahonda con Iván, Belfortti e Sergio Iglesias. Haberá que esperar a ver como chega Javi Rey, que tampouco puido xogar na Roda. O Tenerife acode con forza ao mercado de inverno O CD Tenerife, quizá o principal favorito ao ascenso no Grupo I de Segunda B ao comezo da tempada, está a aproveitar o mercado de inverno para reforzarse co fin de endereitar o seu rumbo. De momento, e tras despedir o pasado domingo ao seu técnico, Antonio Calderón -substitúelle García Tebar-, o equipo canario incorpora ao lateral Raúl Lorente, procedente do Xerez, e aos dianteiros Aridane (Leganés) e Luismi Loro (Elxe). Ademais, o líder Castela logrou a cesión por parte do Xetafe do coruñés Pedro Mosquera. O Coruxo fichou ás puntas Rubén Sánchez (Almansa) e Rafa (Celta B), o Celta B ao central Héctor Ladero (Numancia) e ao mediocentro Sumy (Albacete), o Mariño ao atacante Guillermo Méndez (Spórting B) e o Alcalá ao meta Ubierna (Vicar). |
25/01/2012 - Cordido / El Progreso (Lugo)
Ningún comentario:
Publicar un comentario