8 de xaneiro de 2012

"VOU DEIXARME A PEL"


Félix Quero preséntase como unha das posibles novidades no once do CD Lugo de cara ao partido do domingo (17.00 horas, Ángel Carro) ante o Toledo. Os problemas físicos de Luismi farán que Quero ocupe a banda dereita do equipo branquivermello.

«Teño moitas ganas de xogar e vou dalo todo e deixarme a pel no campo, como sempre. Logo pódenme saír mellor ou peor as cousas, pero eu quero marcharme para casa tranquilo logo de dalo todo», indicou.

O terreo de xogo do Ángel Carro encheuse recentemente con area, o que pode ser un hándicap á hora de mover a pelota con rapidez, como lle gusta facer ao Lugo. Quero entende que «o campo está algo máis lento, aínda que vai mellorando e ten bo aspecto. A medida que vaia chovendo irase tragando a area e quedará xenial. Agora mesmo hai zonas no campo nas que é difícil saber como vai botar o balón e incluso se fai lenta a circulación, pero temos que ser conscientes de que estará así para os dous equipos», indica.

Quero é un dos xogadores máis utilizados por Quique Setién esta tempada. O extremo asturiano xogou 17 dos 18 encontros e en nove deles foi titular. «Estou moi contento de como está a ir a tempada. O ambiente é fenomenal e cando toca xogar gózalo moito. Hai que darlle ao equipo todo o que poidas xogues moito ou xogues pouco porque ao final vai en beneficio de todos», asegura.

A enfermería do equipo branquivermello está bastante poboada e isto baixa a calidade dos adestramentos. «Tanto na semana que estivemos antes de noitevella como nesta pasada a intensidade do traballo foi incrible, a xente veu superenchufada e os adestramentos foron todos dunha calidade extraordinaria. Si que é verdade que agora a xente pode acusar un pouco o esforzo, pero esperemos que non sexa nada grave e que estea canto antes ao cento por cento, porque todos son moi importantes no equipo. Esperemos que a enfermería se vaia baleirando un pouco», apunta.

O Lugo, pase o que pase mañá, acabará a primeira volta por diante dos tres exprimeras do grupo: Tenerife, Oviedo e Albacete. Quero di que «estes momentos hai que gozalos, moitas veces dígoo no persoal, pero tamén no plano colectivo. No fútbol sobre todo hai que gozar dos bos momentos, que bastantes veces adoitan ser menos que os malos, e non sabes canto van durar».

Quero é optimista de cara ao futuro branquivermello, porque ao seu entender «o equipo está nunha boa dinámica, hai cambios cada pouco e o equipo segue respondendo. Se cadra non se esperaba, pero desde o primeiro momento estamos aí, nunca baixamos do segundo posto. Eu sinceramente vexo ao equipo capacitado incluso para estar aí arriba pelexando polo primeiro posto», conclúe.

«Hai que ir a por todas na liga e na Copa Federación»

O Lugo está inmerso nun maratón de partidos, xa que aos de Liga hai que sumar a eliminatoria da Copa Federación que disputará ante o Rácing de Santander B (os días 11 e 18), polo que a participación de todos os xogadores é importante. «A participación de xente que está a ter menos minutos é importante para seguir con ritmo de competición. Hai que ir a por todas na liga e na Copa, aínda que partido a partido sumando puntos e pasando eliminatorias», di.

2 duelos seguidos en casa

A prioridade a pesar de todo para o CD Lugo sempre é a liga, polo que Quero sinala: «Agora temos dous partidos en casa seguidos ante o Toledo mañá e o Celta B o próximo día 15 e hai que intentar sacar os máximos puntos posibles», o que afianzaría aínda máis ao Lugo nos dous primeiros postos nos que leva 47 xornadas. Se non perde os dous próximos partidos do Ángel Carro, o equipo que adestra Quique Setién pode superar o medio centenar de xornadas en posicións tan privilexiadas.

07/01/2012 - Cordido / El Progreso (Lugo)

Ningún comentario:

Publicar un comentario