9 de abril de 2012

C.D.LUGO 1-5 R.M.CASTELA











O CD Lugo-Real Madrid Castela, o gran partido da xornada en Segunda B, o duelo pola primacía do grupo 1, o choque entre o primeiro e o segundo clasificados, non tivo cor. Ou si tivo un: o branco do Castela, que se impuxo por un claro 5-1 no partido disputado na tarde deste domingo no Ángel Carro.

O segundo equipo do Real Madrid mostrouse desde o principio mellor plantado que o cadro adestrado por Quique Setién. Soubo defenderse con orde ante as impetuosas acometidas locais, con máis corazón que cabeza, e contragolpeó con efecto. E no minuto 10, os madrileños xa gañaban por 0-3, logo dos tantos de Joselu (minutos 3 e 7) e Mosquera (12).

Co 0-3, o Lugo deu algunha mostra de recuperación. No minuto 15, Setién (inusitadamente con traxe) movía o banco e facía entrar a Fran Pérez por Víctor Marco. E foi o xogador de refresco o que no minuto 37, dun espléndido cabezazo, recortaba distancias. Pero o Castela non deixou que os branquivermellos pensasen na remontada, e uns segundos antes do descanso, Juanfran aproveitábase doutro barullo defensivo local para levar o 1-4.

A segunda metade comezou sendo un quero e non podo do Lugo, que acabou difuminándose. O Castela terminou por tomar as rendas de novo, con aproximacións moi perigosas á meta de Escalona, e no minuto 81 Joselu pechaba o marcador co seu terceiro gol, o quinto das filiais madridistas.

Logo de facerlle a pascua ao Lugo, o Castela aséntase na cabeza do grupo primeiro, con dez puntos de vantaxe sobre un cadro branquivermello (cun partido pendente) que se segue segundo é grazas aos tropezos do Tenerife (terceiro) e o Albacete (cuarto). A capital canaria será, precisamente, o próximo destino dos lucenses, noutro partido transcendental. Tamén tropezou o Oviedo, quinto, que caeu en casa ante o Xetafe B (equipo que ten a cita pendente en Lugo), polo que non cambian as posicións na clasificación.

08/04/2012 - El Progreso Digital (Lugo)

Ningún comentario:

Publicar un comentario