O CD Lugo impúxose este venres ao Real Madrid Castilla por 3-2, nun intensísimo partido decidido por un gol dun canteirán do Madrid, precisamente: Fran Sol.
O tanto do ariete formado na Fábrica serviu para romper o empate que subira ao marcado outro home xurdido da factoría madridista, Óscar Díaz.
Ademais de intenso, este Lugo-Castilla, que abría a décimo oitava xornada na Segunda División, viviu unha serie de cousas fóra do normais. Por exemplo, o CD Lugo abriu o marcador cando aínda había afeccionados sentándose. Fíxoo Víctor Díaz no minuto 2. Se o gol branquivermello foi bonito, non o foi menos o de Jesé cinco minutos despois, de tacón. O porteiro branquivermello, este venres José Juan, pouco puido facer.
O Castilla adiantouse con outro bonito gol no 36, por medio de Juanfran. E cando parecía que o Lugo se ía a ir ao descanso en desvantaxe, chegou un penalti por derriba de Óscar Díaz, que o propio canteirán do Madrid converteu no empate.
Na segunda parte só houbo un gol, pero os afeccionados puideron gozar co xogo dun Lugo que foi a por o partido e que dominou claramente aos homes de Alberto Toril. O gol de Fran Sol a cinco minutos para o final, o primeiro que logra coa camiseta branquivermella, foi o colofón apropiado. Sol saíu na segunda parte, igual que o fixo Iván Pérez, a última fichaxe local.
Desta forma, os homes de Setién suman a súa segunda vitoria consecutiva en vésperas dunha complicada visita a Sabadell. Será máis complicada aínda porque o CD Lugo non poderá contar cos seus dous centrais titulares, xa que Pavón e Víctor Marco foron amoestados este venres. 14/12/2012 - El Progreso Digital (Lugo)