14 de setembro de 2011

" HAI GAÑAS DE REPETIR"


O CD Lugo non terá tempo para relaxarse nin para gozar da importante e meritoria vitoria conseguida o domingo no emblemático Carlos Tartiere ante o Real Oviedo. Un triunfo de prestixio, aínda que só sexa pola categoría do rival e o escenario onde a conseguiu. Sen tempo case para recuperarse, os branquivermellos xa están centrados no compromiso que teñen o mércores 14 (21.00 horas) no Ángel Carro, onde recibirán ao Atlético de Madrid B no partido aprazado na terceira xornada.

O capitán Manu marcou o pasado domingo de penalti e deu o centro para que marcase Monti o gol do triunfo no tempo de desconto, polo que a actuación do hispano-suízo foi decisiva. Pero o lateral esquerdo branquivermello xa pensa no futuro inmediato, porque admite que «esta é unha semana distinta ás demais; temos un partido o mércores moi complicado e outro o domingo, ambos no noso campo».

Os branquivermellos chegan animados a este encontro, segundo Manu. «A vitoria en Oviedo foi moi importante, tiñamos ganas de demostrar que os partidos que perdemos foron por erros nosos», en referencia ao LX Emma Cuervo do pasado 31 de xullo en Ribadeo, e ao de Copa do Rei no Ángel Carro, o 31 de agosto. «O pasado domingo parece que sobre todo na primeira parte estivemos bastante ben, tendo o balón. Na segunda custounos porque talvez botámonos demasiado atrás e perdemos o balón moi fácil. O máis importante é que soubemos defendernos e ao final tivemos a sorte logo de empatarnos de conseguir unha vitoria importante para coller confianza», sinala.

Manu converteuse nun especialista en lanzar penaltis e agora, en dar centros de gol, como cando xogaba de extremo esquerdo. O ex ourensanista di que «nos penaltis estou a ter sorte, confianza e o importante ao chegar alí é metelos. O demais vén ben para a axuda do equipo, para o xeito de xogar que quere o míster de entrar por banda e centrar. Estamos a ter sorte de que os rematadores están ás meter, pero aínda temos marxe de mellora».

Na primeira xornada o Lugo gañou fácil a un filial (1-4 ao Celta B) e mañá chega outro. «Será un equipo ao que lle gustará tocar a pelota, serán xogadores rápidos, dinámicos e de moita calidade, pero temos que preocuparnos máis do noso e intentar corrixir erros, como algún que tivemos en Oviedo. Somos un equipo novo, que necesita tempo de adaptación», apunta o xogador do equipo branquivermello.

O Lugo empezou forte a domicilio, onde a tempada pasada tiña dificultades. Nesta fixo pleno de momento nos dous desprazamentos. «En Vigo xogamos ben, pero foi un resultado enganoso, déronnos moitas facilidades. O Oviedo na segunda parte complicounos o partido. Ás veces gáñase sen xogar bonito, pero en Oviedo estivemos ordenados», indicou.

«O do ano pasado é complicado de repetir; saíu un bo ano e neste os que seguimos temos unha espiña cravada de non conseguir o ascenso, aínda que a xente que chega achega moito. Hai que intentar repetir desde a calma, porque queda moito», comentou.

A competencia parece máis dura este ano, porque a plantilla é máis profunda, como recoñece o propio Manu. «Esta tempada todo o mundo pode xogar, e o importantes é porllo difícil ao míster durante a semana», concluíu o capitan do Lugo.

O LUGO SERÁ LIDER SE NON PERDE

O Lugo segue sendo o único equipo que fixo pleno de puntos (9 de 9). Se non perde mañá ante o Atlético B o partido que ten aprazado colocarase líder, e se gana quedará en solitario na cabeza.

35

De 105 puntos que quedan por disputar ao CD Lugo, con 35 aseguraría a permanencia (44), con 50 clasificaríase para a Copa (59) e con 60 seríanlle suficientes (69) para volver xogar o play off de ascenso á Segunda División A, o gran obxectivo branquivermello.


13/09/2011 - Cordido / El Progreso (Lugo)

Ningún comentario:

Publicar un comentario